- Prensa
- mel, delicadeza, mel artesán, artesanía alimentaria, Lalín, Galicia
David Liñares recolecta o seu mel, que vende baixo a marca Mel de Liñares, das súas colmenas da Serra do Candán e do Sobreiral do Arnego, montes que forman parte da Rede Natura. Este lalinense, que puxo en marcha o seu negocio hai máis de dez anos, destaca a calidade dun produto totalmente alleo á elaboración industrial. Como el, unha trintena de pequenos empresarios participan durante este fin de semana na primeira feira de artesanía alimentaria de Galicia en Lalín, o Merca Delicadeza.
Por que se caracteriza a mel que vostede comercializa?
É un mel totalmente artesanal. Fanna as abellas e nós recolectámolo. Temos colmenas destinadas ao mel na Serra do Candán, a 700 metros de altura, e no Sobreiral do Arnego, ambas na Rede Natura. Son zonas que non teñen moito aproveitamento gandeiro, entón conseguimos que esté o monte máis virxe, máis puro, e de aí sacamos as meles que temos. Temos unha mel multifloral, que recorda moito á que se facía tradicionalmente no centro de Galicia, cun sabor moi clásico. De feito cando a xente a proba di que lle recorda moito á mel que se tomaba nos cortizos; e logo temos a monofloral, de eucalipto, de brezo e de castaño. Durante a floración collemos a mel e sacámola, mandámola a analizar para ver si é monofloral ou multifloral e clasificámola.
A calidade deste mel é indiscutible.
Si, é totalmente artesanal e ten denominación de orixe, que garantiza a orixe, que é Galicia, e que non se somete a ningún proceso. Ademais, nós tratámolo con moito mimo e como o facemos nós non ten nada que ver co proceso industrial.
Onde se pode adquirir a Mel de Liñares?
Sobre todo en tendas e comercios da localidade.
Como empezou con este negocio?
Cando tiña 24 anos creei a marca De Liñares e desde ese momento dedícome profesionalmente á apicultura. Xa desde un pouco antes empecei a facer cousas cas abellas, os meus primeiros piniños. O negocio lévoo eu só e utilizo xente de reforzo en determinadas épocas do ano. Hai un ano que naceu o selo de Artesanía Alimentaria. Vostede non dubidou en sumarse a esta denominación. Si. É un valor engadido que lle damos ao produto. Ter o selo de artesanía é algo que te diferencia un pouquiño máis.
"O Merca Delicadeza é moi boa iniciativa, porque dáselle á xente a coñecer que hai produtos moi bos e distintos"
Estes días ofrece os seus produtos en Merca Delicadeza, a feira de artesanía alimentaria que se celebra en Lalín. Que lle parece esta iniciativa?
Paréceme moi boa iniciativa, porque dáselle á xente, ao mundo, a coñecer que hai produtos moi bos e distintos. Despois cada persoa pode escoller o que quere comer, o que quere levar para a casa, pero que sepa que hai distintas opcións. Aquí póñense en conxunto un grupo de artesáns.
"No concello de Lalín temos moito patrimonio apícola e moi boa tradición en canto á elaboración de meles"
Vostede puxo tamén en marcha a Feira do Mel Alvariza, que tivo nas dúas primeiras edicións moi boa acollida.
Si, a verdade é que saíu todo moi ben, houbo moita xente. Este ano fastidiounos un pouco o tema do frío, pero nas charlas, ponencias, actividades... a xente queda moi contenta. No concello de Lalín temos moito patrimonio apícola e tamén temos moi boa tradición en canto á elaboración de meles, sobre todo na denominación de orixe e no feito de que os meles de aquí levan moitos premios.
Fonte: Diario de Pontevedra